lunes, 30 de junio de 2008

3º día, Torla - Broto (20km)

Hoxe visitamos o rei dos Parques Nacionais, o Parque Nacional de Ordesa. Estamos na alta montaña, a mágoa foi que nos colleu a auga... e de que maneira. Houbo unha treboada de verán do máis completa: choiva, lóstregos, tronos e sarabia.
O "hayedo" e as fervenzas de Ordesa son dignas dunha boa excursión.



Tra-la treboada chegou a calma e fumos a Broto a darnos unha ducha de auga quente. Non sendo tan xeitosa coma Torla, a aldea tamén ten o típico encanto das aldeas do pirineo.

domingo, 29 de junio de 2008

2º día, Jaca - Torla (110km)

Hoxe tivemos o día máis tórrido do ano no Pirineo Aragonés, non baixamos dos 30 graos. Espertamos nunha Jaca que durmía a resaca das súas festas. Puxemos dirección a Canfranc e decidimos coller un sendeiro para visitar a estación modernista.

A estación Internacional de Canfranc é modernista e colosal, unha das estacións máis grandes do noso país e que, desgraciadamente, se atopa nun estado de abandono. A liña, que noutro tempo conectaba Francia con Aragón, está cortada. Por ela xa só circula un triste tren rexional. Actualmente, están a restaurar a deteriorada estación.


Tras unha visita a Biescas, enfilámonos cara Torla, unha aldea pirenaica situada ós pes do Parque Nacional de Ordesa. A paisaxe é fermosa, chea de antigos vales glaciares en forma de "u", cun desnivel que impresiona.
A vila de Torla é moi xeitosa e o hotel está a mar de ben. Durante a maior parte do ano, en Torla non viven máis de 200 persoas. As súas rúas son estreitas, cheas de currunchos con encanto.


O día rematámolo vendo o partido da selección. Na vila había un ambiente digno do Ernst Happel de Viena. Cando rematou o encontro, a euforia cundiu entre a paisanaxe e acabaron organizando de forma espontánea unha charanga cacofónica que percorreu toda a vila.

sábado, 28 de junio de 2008

1º día, Logroño - Jaca (230km)

Sábado 28 de xuño. Comeza a nosa viaxe (¡ben!). Saímos de Logroño en dirección a Jaca. Tras pasar Pamplona e deixar Esa, entramos en terras de Aragón.

Laura conduce. A primeira parada facémola en Leire, mosteiro e panteón dos primeiros reis navarros.

Continuamos polo pantano de Yesa, longo coma un día sen pan. Ó seu redor hai unhas cantas aldeas abandoadas.


Pasamos por San Juan de la Roca, mosteiro e panteón dos Ramiro, a primera dinastía dos reis de Aragón. Segundo conta a lenda, un noble chamado Oto, que estaba cazando pola zona, atopouse cos restos dun ermidaño incorrupto e decidiu construir aquí un Mosteiro.

Volverán las oscuras golondrinas a volar... Antes de chegar a San Juan, paramos en Berdún para xantar. A vila está encaramada no alto dunha colina.



Chegamos a Jaca. Están en festas, as de San Pedro. Aquí facemos parada e fonda. Malia a calor, hai máis de 30 graos, aínda hai neve nas montañas.